Situado no interior da provincia de Pontevedra pero a poucos quilómetros da costa atópase Ponteareas, un municipio de ao redor de vinte mil habitantes; un lugar tranquilo para vivir e ao mesmo tempo centro comercial e de servizos para o resto de municipios da zona.
Ponteareas é coñecida polos seus viños de Denominación de Orixe Rías Baixas, as súas rosquillas tradicionais, as súas alfombras florais así como polas súas praias fluviais; o que a converte nun lugar ideal para aquelas persoas ás que lles gusta gozar da boa cociña e do río. Tamén é unha localidade coñecida polo Corpus Christi, declarada Festa de Interese Turístico Nacional.
PRAIAS FLUVIAIS E RÍO
Ponteareas conta cun total de seis praias fluviais. A máis famosa delas é a praia da Freixa.
O río Tea e os seus afluentes, dan tranquilidade e fan deste un municipio urbano pero ao mesmo tempo cheo de natureza. Este río forma parte da "Rede Natura 2000" da Unión Europea e conta cunha fauna moi diversa.
Froito da vida ligada ao río podemos atopar moitos muíños, máis dun centenar ao longo do municipio. Algúns destes muíños foron recentemente restaurados e aínda continúan activos.
LUGARES DE INTERESE
O Castelo de Sobroso é un dos seus monumentos máis destacados. De orixe irmandiño e de estilo románico, desde el podemos contemplar máis de cincuenta pobos da comarca, así como a fronteira con Portugal.
Doutra banda a Ponte romana das Partidas, o Castro de Troña ou a Igrexa Románica de Angoares son tamén lugares destacados do municipio.
MONDARIZ-BALNEARIO
A escasos minutos do centro, Ponteareas limita ao norte con Mondariz- Balneario, referente entre as principais vilas termais de Europa.
O municipio alberga o Balneario de Mondariz, un balneario con máis dun século de historia que forma parte do complexo hostaleiro máis grande de Galicia, ao contar tamén cun hotel de 4 estrelas, campo de golf, Centro de Congresos e Convencións e unha ampla variedade de restaurantes.
COMUNICACIÓNS
Ponteareas está moi ben comunicada por estrada, especialmente coas cidades de Vigo e Ourense, grazas á autovía A-52. Deste xeito a cidade de Vigo atópase a pouco máis de 20 minutos de Ponteareas en coche.