Moaña sempre foi un municipio adicado e vencellado co mar, por iso os asentamentos da poboación localízanse, na súa maioría, ao longo da costa. Ao mesmo tempo, o concello ten moita poboación rural, espallada por todo o territorio, sobre todo formando pequenos núcleos de vivendas unifamiliares con algo de terreo.
Pola súa ubicación o concello de Moaña ofrece unha gran variedade de paisaxes sempre co mar presente: praias, a ría coas bateas de mexilón, peiraos, maricadoras faenando durante a baixamar...
PARROQUIAS
Aínda tendo Moaña un núcleo urbano ben diferenciado que non deixa de medrar, segue a primar a división tradicional en parroquias: Moaña, Domaio, Meira, San Martiño e Tirán.
DOMAIO
Esta parroquia ten o seu principio fronteirizo na Ponte de Rande. No seu chan sitúase a maior elevación do Morrazo, o monte Faro de Domaio de 624 m de altitude, onde atopamos o Parque Forestal de Domaio e dende onde se pode ver unha das panorámicas máis belas das Rías Baixas. Pero Domaio ademáis de monte tamén é mar: posúe un peirao con gran actividade e nas súas bateas críanse mexillóns e ostras. Os atractivos turísticos desta parroquia son moitos: praias, porto deportivo, miradoiros, restos arqueolóxicos (Chan de Arquiña), etc.
MEIRA
A caprichosa orografía de Moaña deu lugar a dúas pequenas enseadas de grandes condicións paisaxísticas e socioeconómicas, con enormes areais onde se realiza o marisqueo a pé de berberechos, ameixas e navallas e unha illa: a de San Bartolameu. Outro importante atractivo turístico de Meira é a ruta de sendeirismo do Río da Fraga.
SAN MARTIÑO
Ocupa a zona máis alta do municipio e é orixe do mesmo. Nela atopamos o monumento histórico-artístico máis importante de Moaña, a Igrexa románica de San Martiño.
TIRÁN
É a parroquia que conta con máis peiraos (destacando o da Mosquera e o de O Con), e numerosas e variadas praias
PRAIAS E OUTROS LUGARES
Todo o sur do municipio é costa: 20 kms que acollen praias, como a de Domaio, A Borna, A Xunqueira, O Almacén, a de Tirán, O Canaval, A Sobreira, O Porto e a de O Con (bandeira azul), e que combinan o uso turístico coa produción de marisco, e industrias relacionadas co mar.
Ademais do gran número de praias que forman a costa do municipio de Moaña, outros lugares de interese son as variadas rutas de sendeirismo e os diversos miradoiros: destacan a Ruta de sendeirismo do Río da Fraga, as Marismas de Meira e o río da Ponte, o Miradoiro da Fraga, o Miradoiro de Domaio e o Dolmen de Chan de Arquiña.
Dende o punto de vista arquitectónico son salientables algunhas igrexas e capelas (Igrexa de San Martiño e a de San Xoán de Tirán) e os elementos etnográficos galegos máis significativos: os Cruceiros.