Vexo Vigo, vexo Cangas...

Cangas O rural

Cangas O rural

O municipio de Cangas está situado no extremo suroeste da península de O Morrazo, no pleno corazón das Rías Baixas galegas, entre as Rías de Vigo e Pontevedra e flanqueado polas Illas Cíes e Ons. Aínda sendo un municipio pequeno posúe unha das costas máis extensas de España, con multitude de praias moi variadas, dende as máis urbanas como Rodeira até as máis salvaxes como as de Liméns, Barra ou Melide, todas elas situadas nas parroquias do rural cangués.

Tradicionalmente Cangas divídese en cinco parroquias: unha urbana -a da propia vila de Cangas- e catro rurais, entre as que destacan as de O Hío e Aldán pola súa fermosa costa, numerosas praias e monumentos.

ALDÁN

Aldán é unha aldea mariñeira, situada nunha costa moi tranquila e protexida. O seu paseo marítimo, que se extende á beira da praia de San Cibrán e que remata no porto pesqueiro, é un fermoso lugar para camiñar e onde se atopan varios restaurantes nos que se serven, recén sacados do mar, os peixes e mariscos da ría. A poucos metros de alí atópase a Igrexa de San Cibrán, o Pazo da Torre, a ponte sobre o Río Orxás e a Leira do Frendoal dos Condes, onde se pode ver un sorprendente acueducto medieval e un pequeno castelo. Moi preto, seguindo o río Orxás, atopamos a ruta de Os Muíños, que transcorre entre un frondoso bosque.

Entre as diferentes praias da parroquia de Aldán destacan as de Areacova, Francón e Menduíña. Esta última é a que ten mellor acceso e case tódolos veráns loce a Bandeira Azul, distintivo que garante a calidade das súas augas e dos seus servizos.

Aldán

O HÍO

A parroquia de O Hío ten o privilexio de estar situada entre dúas rías, a de Vigo e a de Aldán, o que lle permite, con todo fundamento, presumir das súas praias.

Na ría de Vigo atopamos, entre moitas outras, as praias de Liméns e Nerga, ámbalas dúas de gran lonxitude, a nudistas Barra 1 e Barra 2 (tamén coñecida como Viñó), e a de Melide, pechada entre os dous faros de Cabo Home. A praia de Liméns é unha das praias favoritas dos visitantes pola beleza das súas extensas dunas e piñeiral e pola excelente calidade das súas augas, que a fai merecedora case tódolos anos da Bandeira Azul. As praias de Barra non quedan atrás, e son consideradas como as mellores praias nudistas de Galicia.

A ría de Aldán, pola súa banda, ofrécenos calas como as de San Xián, Pipín e Castiñeiras, medianos areais como os de Arneles e Pinténs, e unha praia de enorme lonxitude e non menor beleza: Areabrava.

Praia de Areabrava

A parroquia de O Hío posúe un rico patrimonio natural e histórico-cultural. Aquí poderase atopar o Cruceiro de O Hío, o monumento histórico máis coñecido da parroquia e considerado unha das xoias do patrimonio etnográfico de Galicia. Atópase xunto á Igrexa de San Andrés e xunto á Casa Reitoral.

No Hío, o visitante gozará non só das praias senón que tamén doutros preciosos espazos naturais como o conxunto formado por Cabo Home e o Monte do Facho, ambos na pequena aldea de Donón. En Cabo Home hai un miradoiro desde o que parten dúas pistas: unha en dirección aos faros e praia de Melide, e outro que sube ata o Monte do Facho, onde se atopa un dos máis importantes santuarios romanos da Península Ibérica, o dedicado ao deus Berobreo. Dende a cima atopamos cunha impresionante panorámica das Rías de Vigo, Aldán e Pontevedra e das Illas Cíes e Ons. Non pode deixar de visitarse este lugar á tardiña: o recordo das súas postas de sol é inesquecible.

 

ACCESOS DIRECTOS

Sobre Lares

Somos dúas empresas que camiñamos xuntas dende 2009. Viñamos de moitos anos alugando os nosos inmobles, o que nos levou a ser tamén xestores inmobiliarios de venda e aluguer.

Pero fíxémolo ao noso xeito, rachamos tódolos convencionalismos e iso gustouvos, e así, xuntos, chegamos ata hoxe.

Formas parte dela, coñece a nosa historia!