Andaina a Viñó

Andaina a Viñó

Esta andaina que transcorre desde Punta Subrido á praia de Viñó, está feita co mellor do mellor, as mellores vistas e as mellores praias, sempre dentro do espazo protexido pola “Rede Natura 2000”. É como comerse o corazón da sandía nun día de verán, o máis! :)

Como veredes en Wikiloc, pode exporse como unha ruta circular, que comezamos no aparcadoiro próximo á praia de Melide, xusto fronte ás Illas Cíes, entre os dous faros de Cabo Home.

VISITA AO FARO

Precisamente, damos o pistoletazo de saída a un día estupendo entre praias, piñeirais e boa compaña visitando o próximo Faro de Punta Subrido, unha torre branca entre piñeiros. Imos!. Coa enerxía propia do principio, retrocedemos de novo até o aparcadoiro e só uns metros despois divisamos un desvío cara a unha pequena pista forestal, que descende cara á costa. Aquí comezamos a gozar realmente da andaina.

DESCENSO CARA Ó MAR

Logo, atravesaremos un pequeno bosque de acacias moi espeso, e moi pronto estaremos baixo ceo aberto, fronte o mar, contemplando toda a Ría de Vigo cunha perspectiva pouco frecuente das paradisíacas praias de Barra e Viñó, das súas augas transparentes e tranquilas, nas que fondean algúns veleiros. Seguro que cando as vexades pareceranvos sacadas directamente dunha película, pero claro, á galega, é dicir, rodeadas de piñeiros e dunas en lugar de palmeiras.

Praias de Viñó e de Barra

PRAIAS DE BARRA E VIÑÓ

Sempre á beira do mar, seguimos baixando, agora por un carreiro moi estreito que desemboca directamente na praia de Barra, unha das primeiras praias galegas nas que se permitiu o nudismo e hoxe día recoñecida como a mellor nudista de Galicia.

Os que resistan a tentación de quedar xa na praia de Barra, poden penetrar cara ás dunas, e camiñar polas súas serpenteantes e esvaecidos carreiros, paralelamente ao mar, baixo a sombra dos piñeiros e alcanzar así a praia de Viñó, tamén nudista e igual de auténtica que a anterior.

Agora si, non dubides en baixar á praia e dar un baño, aínda que a auga estea fresca vale a pena! E se es tímido para quitar a roupa, gozarás de refuxio no "chiringuito" da praia, apostado sobre as rochas, desde onde as vistas tamén son espléndidas.

DE VOLTA

Nunha contorna como este custará pór fin ao día de praia. Só o sol ocultándose detrás de Cabo Home animará a emprender o camiño de volta. Para volver, esta vez atravesaremos o piñeiral, terra dentro, até alcanzar o aparcadoiro de Viñó, onde estratéxicamente deixamos un coche, que nos espera, para levarnos comodamente até o aparcadoiro da praia de Melide, onde deixamos o outro. E até alí chegaremos, pola estrada que vén de O Hío e conduce a Donón e polas pistas que percorren Cabo Home, á beira dos cantiis até o extremo de Punta Subrido.

O piñeiral de Barra

Así rematamos un espléndido día entre piñeiros, dunas e mar, moito mar!

Created with flickr badge.

ACCESOS DIRECTOS

Sobre Lares

Somos dúas empresas que camiñamos xuntas dende 2009. Viñamos de moitos anos alugando os nosos inmobles, o que nos levou a ser tamén xestores inmobiliarios de venda e aluguer.

Pero fíxémolo ao noso xeito, rachamos tódolos convencionalismos e iso gustouvos, e así, xuntos, chegamos ata hoxe.

Formas parte dela, coñece a nosa historia!