Praias de Cangas

Praias de Cangas

Con esta ruta queremos amosar as praias máis descoñecidas da vila de Cangas, porque aínda que moitos turistas non chegan a sabelo, ademais da praia de Rodeira, a moi pouca distancia do centro da vila agóchanse outras praias, máis pequenas, pero todas fermosas e moi diferentes e sempre sen necesidade de coller o coche.

Se quedas en Cangas, poñamos de media, unha semana, seguindo a ruta que che imos propoñer, poderías chegar a visitar cada día unha praia diferente, vaia luxo, non? Pero sabemos que os teus días de vacacións son limitados e en Cangas temos en total, entre as urbanas e as rurais, 38 praias!

 

Así que a nosa recomendación é que reserves un día para percorrer a ruta que vai desde a praia do Canabal até a praia de Liméns, visitando polo camiño as praias de Os Alemáns, Rodeira, A Congorza, O Salgueirón, do Medio, Areamilla, do Porto e Santa Marta.

Podes facer a ruta camiñando (moita xente fai a diario unha parte dela, á que chaman “paseo do colesterol"), ou correndo se buscas unha ruta de running con vistas privilexiadas e afastada do tráfico ou en mountain bike, o noso medio favorito, aínda que nesta ocasión decidimos facela andando porque hai tantísimo que fotografiar que é difícil avanzar coa bici.

Fotografando unha das praias de Cangas

COMEZAMOS!

Podemos deixar o coche ao final da praia de Rodeira para dende alí seguir o paseo marítimo cara ao interior da Ría, afastándonos de Rodeira. Ao final do camiño atoparemos a Praia dos Alemáns, nudista, e a Praia do Canabal, ambas as dúas pequenas e moito máis tranquilas que a súa veciña Rodeira.

Chegados a este punto temos que desandar o camiño até regresar á gran praia urbana de Cangas, seguramente a máis coñecida e visitada polos turistas: a de Rodeira. Paramos só uns intres, porque a coñecemos ben e teremos multitude de ocasións de visitala, así que se fas a ruta en bici este é o momento de pedalear a toda velocidade, aproveitando o chairo do camiño, avanzando cara ao centro da vila polo paseo marítimo.

Praia en Cangas do Morrazo

ATRAVESANDO CANGAS

Imposible perderse, non temos máis ca seguir o carril bici que discorre paralelo ao paseo marítimo. Seguíndoo pasaremos por diante dos Xardíns do Sinal, da Praza de Abastos, da Estación Marítima, Porto Deportivo e da lonxa até chegar ao dique de abrigo, que os cangueses chamamos "rompeolas".

Aquí merece a pena visitar as polémicas casetas que Portos construíu para os aparellos dos pescadores e coñecidas entre os autóctonos como "as gaiolas" porque realmente semellan ser enormes gaiolas de metal. No grupo que fixemos a ruta non hai consenso, algúns as defenden mentres que outros son despiadados nas críticas (vese que por unha vez somos un grupo representativo do heteroxéneo sentir xeral!)

Desde o "rompeolas" divisamos as instalacións de Frigoríficos do Morrazo, que quizais coñezas por patrocinar ao equipo de balonmán de Cangas: o "Frigoríficos do Morrazo", único representante galego habitual na liga ASOBAL. Pola estrada que leva ás súas instalacións, chegamos a un antigo xigante da industria pesqueira: Massó.

Fabrica abandonada de Massó en Cangas

REGRESO AO PASADO

Massó. O enorme edificio branco cunha impoñente torre que veremos nada máis entrar nos terreos, fronte ao peirao, é a antiga fábrica de conservas. Inaugurada en 1942, foi punteira na súa época e tivo unha gran importancia para o desenvolvemento económico e social de Cangas. O complexo que imos atravesar na nosa ruta cara Limens, incluía, ademais da fábrica de conservas, outras fábricas (de envases, de fariñas e aceites de peixe) e outras instalacións, como peiraos para a reparación de frota pesqueira, taller mecánico e instalacións para os obreiros como gardaría.

Verás que hoxe día quedan pouco máis que ruínas, e o futuro do complexo e os terreos non está claro, pois non se logra consenso sobre o destino dun lugar tan nostálxico para todos.

PRAIAS DO SALGUEIRÓN, DA CORGONZA E DO MEDIO

Sen deixar o noso camiño, case diante da fábrica de conservas atopamos a praia do Salgueirón, e pouco despois, entre Punta Balea e Punta Borneiro, as praias da Congorza e a do Medio. Non son praias moi grandes nin moi anchas, pero o lugar ten un encanto moi especial: frente a un pasado no que as fábricas de conserva e salazón traballaban a máximo rendemento, e todo era axetreo nos peiraos onde se descargaban as baleas (de aí o nome de Punta Balea), hoxe a calma é total… Punta Balea e Punta Borneiro e a pequena illa de Corbeiro non teñen máis actividade hoxe que as gaivotas e cormoráns que extenden as súas ás ao sol.

Fotografando unha das praias de Cangas

PRAIA DE AREAMILLA

Á volta de Punta Balea, protexida nunha enseada, atópase esta perla: a praia de Areamilla. É unha praia longa e ancha e con bandeira azul, pois como a de Rodeira, conta con todos os servizos que esixe este distintivo, ademais da calidade das augas, algo común a todas as nosas praias. É un areal moi valorado polos autóctonos, cun ambiente máis rural que as anteriores, e moi cómoda, con zona para comer ou merendar e moito espazo para estacionar.

Praia de Areamilla en Cangas do Morrazo

DE URBANO A RURAL

A partir de Areamilla a ruta cambia moito. Deixamos atrás Cangas e os terreos da fábrica de Massó e nos mergullamos nunha costa máis natural, non urbanizada. Seguindo desde Areamilla cara ao exterior da ría atopamos un camiño de terra que para sorpresa de todos desemboca nun túnel longo, estreito, escuro e húmido. A verdade é que impresiona un pouco! Tranquilo non hai perigo, aínda que non vexas demasiado ao final faise a luz. E aí está, toda a ría de Vigo!

Seguindo un camiño estreito e cheo de curvas, sempre á beira do mar e con impresionantes vistas, ímonos achegando á enseada de Liméns. Desde o alto do camiño as vistas ás praias de Santa Marta e Liméns son paradisíacas: area branca, auga turquesa, ceo azul, unha marabilla...

Tunel Areamilla Liméns

Sen embargo, nesta enseada a primeira das praias que atopamos non é ningunha das que divisaramos de lonxe senón unha escondida e descoñecida praia, corta pero profunda, moi protexida entre as rochas, chamada praia do Porto, moi pouco frecuentada, a pesares de estar tan perto do núcleo de Santa Marta.

E CHEGADA AO DESTINO...

Ao virar a esquina espérannos as praias de Santa Marta e de Liméns, as dúas tan coñecidas como valoradas. Poderían parecer practicamente a mesma praia, pois só están separadas por unhas rochas. Pero a de Liméns, máis protexida, conserva un extenso piñeiral con dunas que che fan esquecer que exista civilización tan preto. E con todo é unha praia con todos os servizos (por suposto con bandeira azul): hai 2 campings con restaurante e escola para practicar todo tipo de deportes acuáticos. Ademais de varias zonas de aparcadoiro desde as que acceder á praia, a través de pasarelas de madeira, para non afectar á delicada flora das dunas.

Praia de Santa Marta en Cangas do Morrazo

A GOZAR DE LIMÉNS!

Aquí rematamos a nosa ruta, e é onde de ti depende que comece unha aventura maior. Liméns é un dos nosos lugares favoritos para practicar snorkel (as rochas que a separan de Santa Marta e o illote que descobre a marea baixa, esconden un mundo subacuático que che deixará pampo. Liméns tamén é un lugar perfecto para iniciarse ou practicar deportes náuticos como o windsurf, kayac, moto acuática, padel surf, etc.. E se o deporte non é o teu, sempre podes alugar unha balsa con pedais para percorrer a enseada!

O que está claro é que sexas como sexas, en Limens tes plan!

Created with flickr badge.

ACCESOS DIRECTOS

Sobre Lares

Somos dúas empresas que camiñamos xuntas dende 2009. Viñamos de moitos anos alugando os nosos inmobles, o que nos levou a ser tamén xestores inmobiliarios de venda e aluguer.

Pero fíxémolo ao noso xeito, rachamos tódolos convencionalismos e iso gustouvos, e así, xuntos, chegamos ata hoxe.

Formas parte dela, coñece a nosa historia!