Running Cabo Home

Running Cabo Home

Correr é unha actividade sempre saudable, que non depende do lugar onde nos atopemos, nin da idade que teñamos, nin de que sexamos visitantes ou autóctonos... É unha forma de coidarnos e ao mesmo tempo unha oportunidade para coñecer e gozar da nosa paisaxe. Está claro que é beneficioso en todos o sentidos pero o certo é que é moito máis...verdade?

Seguro que se che gusta o running máis dunha vez preguntarías a outros afeccionados que é o que máis lles gusta de practicar este deporte e con toda seguridade o abanico de respostas é tan colorido como o son as propias persoas interrogadas.

 

Para nós, o mellor desta proposta de running é que saias aí fóra e goces á túa maneira da natureza, de O Morrazo, nunha ruta absolutamente espectacular e que ofrece múltiples variacións en función do tempo e do esforzo que esteas disposto a empregar.

Por suposto e como imaxinarás, esta ruta non obriga a percorrela a toda velocidade, podes elixir tamén coller a bici ou dar un paseo andando para disfrutala, calquera opción será boa, tanto se vas a 2 como a 20km/h.

RUNNING CABO HOME: 8KM

Erguémonos cedo e acompañamos ao lugar de partida ao noso compañeiro Diego, afeccionado ás carreiras de montaña e membro do Clube de Montaña Xesteiras. Alí, en Donón, en plena Costa da Vela atópase un dos lugares máis fermosos do Morrazo.

Costa da Vela

Se xa estiveches aquí sabes do que falamos: é imposible non deterse durante un intre a botar unha ollada ao horizonte, xunto á Caracola (unha obra moi popular do escultor Lito Portela), coas Illas Cíes á nosa esquerda, o Atlántico aberto até o infinito, e á nosa dereita O Monte do Facho, un vello coñecido e outro punto destacado nas nosas excursións.

Co coche no aparcadoiro apuramos a auga do noso botello que sempre ten que acompañar a todo bo runner ou excursionista e articulamos o percorrido. Onde imos?. Non hai unha única resposta, e ademais somos galegos así que respondemos preguntando de novo: Canto tempo tes?, ou ben, Cantos km estás disposto a percorrer?. E por iso (e por moito máis, que logo verás) estamos en Cabo Home. Porque tes a opción de facer unha ruta circular ao longo do cabo, ou perderte nas súas ramificacións, e para os que estean realmente en forma, sempre está a opción de dar máis dunha volta, como adoita facer Diego, ata que tivo suficiente.

 

En Wikiloc podes ver de forma xeolocalizada a ruta que afrontamos neste espléndido día de verán, cun total de 8km de distancia e 164m de desnivel acumulado. Algo que ao ritmo de gacela de Diego é todo un reto para nós, e máis con tanto calor! Se queres ir máis fresco e ademais campar ás túas anchas, aconsellámosche empezar cedo, se non terás que compartir o camiño con ciclistas, excursionistas e corredores e até domingueros!. E é que a ruta segundo días e horas é bastante transitada porque, simplemente, é impresionante.

PREPARADOS, LISTOS... XA!

Unha vez deixamos atrás o miradoiro xunto á Caracola e avanzamos pola pista á beira do cantil, o número de persoas diminúe, así que podemos gozar mellor da banda sonora: o mar rompendo contra as rochas. Ao longo dos primeiros 2km atoparemos tramos relativamente duros con costas suaves pero que supoñen un primeiro desafío e alertan sobre o que está por vir.

Running Punta Subrido

O chan brando e de terra permítenos correr comodamente por un carreiro ben trazado e protexido dos vehículos. Tras esas primeiras costas, chegamos a unha zona máis chaira, lugar onde nos acomodamos, sen darnos conta, a un ritmo que nos permitirá ladear a cabeza e observar o espectáculo que nos rodea: mar aberto, as Illas Cíes, e os faros do cabo.

FAROS E CORES

Sempre correndo á beira dos cantiis, os faros vanse achegando ata que, de maneira inequívoca, teremos que afastarno da ruta principal para descender até o Faro de Cabo Home, esa torre esvelta, branca, que se erixe ante o Atlántico e que divisamos de lonxe desde o inicio da ruta.

Neste punto da travesía o firme cambiará, non soamente por afrontar unha costa abaixo pronunciada senon porque o chan de terra se intercala cun pedregal no que deberemos andar con moito ollo. Os ciclistas adoitan divertirse nesta parte do camiño e cando hai grupos, é frecuente que se luzan con pequenos saltos, entre moitas risas e alboroto. Nós puidemos vivilo ao atoparnos, entre outros, á xente de atranca2, que amenizaron, máis se cabe, o noso día de running.

Alcanzado o Faro de Cabo Home, podemos presumir de estar no punto terrestre máis próximo ás Illas Cíes, e a verdade é que sentimos que case podemos tocalas coas mans!. Desde aquí temos a tiro a baliza de Punta Robaleira, unha torre moito máis baixa e ancha que a anterior e coñecida como o Faro Vermello, porque aínda que é de mampostería está pintado dun vermello rechamante que destaca sobre o ceo e mar azuis, e que che convida a seguir correndo, esteas como esteas de forzas, cunha especie de atracción magnética...

Faro Rojo de Cabo Home

Esta parte do percorrido é se cabe máis impresionante que a anterior xa que transcorre realmente á beira dos dos cantís e a través dun terreo de esixencia e irregularidade notables. Probablemente agora empeces a sentirte canso, e se non o fixeches, tranquilo, aínda falta un pouco máis!

CARA MELIDE E O ÚLTIMO FARO

Cando chegamos a este punto correriamos xa case 5km e será momento de botar un bo grolo de auga e continuar cara á única praia da costa de Cabo Home, Melide, quizais a praia máis salvaxe de todo O Morrazo. A vista da praia obrigaranos a parar uns instantes para contemplala, ocasión que podemos aproveitar para facer avituallamiento no seu "chiringuito " ou simplemente refrescarnos na fonte que atoparemos no camiño.

Refrescándose na Praia de Melide

Agora quédanos realmente moi pouco até alcanzar o seguinte obxectivo, o faro de Punta Subrido. Monte a través, cruzando entre os piñeiros, afrontamos unha última costa arriba que superaremos con forza, sabendo que a só uns metros espéranos o último do tres faros. A primeira vista parecerache moi similar ao faro de Cabo Home, pero é algo máis baixo e se te fixas, verás que as xanelas son só 2, e non 3 como ten o seu irmán maior.

Ao pé do faro, fronte ao mar, poderemos decidir se queremos xa regresar cara ao punto de partida, onde deixamos o coche, o que supón percorrer aínda 3km por unha pista forestal paralela á anterior, con varios tramos en costa, entre eucaliptos e vexetación autóctona ou se, pola contra queremos aínda máis marcha, porque temos máis opcións, por exemplo achegarnos até as praias de Barra e Viñó, que se advirten desde o faro de Punta Subrido, aventura que rematará inevitablemente cun refrescante baño! Ou, para os que se tomen moi en serio isto do running, está a opción de repetir unha ou máis voltas completas...

Fagamos o que fagamos, unha vez deixemos de correr e vaiámonos á nosa casa, alí darémonos conta de que ese famoso dito de que "a recompensa era o camiño" cúmprese en Cabo Home máis que en ningún outro lugar que coñezamos, e dos moitos que coñecemos no Morrazo. :)

Cabo Home en Cangas do Morrazo

Created with flickr badge.

ACCESOS DIRECTOS

Sobre Lares

Somos dúas empresas que camiñamos xuntas dende 2009. Viñamos de moitos anos alugando os nosos inmobles, o que nos levou a ser tamén xestores inmobiliarios de venda e aluguer.

Pero fíxémolo ao noso xeito, rachamos tódolos convencionalismos e iso gustouvos, e así, xuntos, chegamos ata hoxe.

Formas parte dela, coñece a nosa historia!