BBT ao Facho

BBT ao Facho

Se tiveramos que elixir uns poucos lugares destacados nas Rías Baixas, sen dúbida un que estaría nesa lista e que sempre recomendamos con paixón é O Monte do Facho. Co poboado castrexo e as incribles vistas das Illas Cíes e o Océano Atlántico ao fondo, este enclave que visitamos a miudo, resulta unha experiencia emocionante.

A nosa maneira favorita para chegar alí é a través dun carreiro que comeza no Cruceiro do Hio e que remata no Facho, a uns 160m sobre o nivel do mar. Esta ruta que che propoñemos aquí e describimos con maior precisión en wikilok, pode facerse camiñando ou en bicicleta de montaña e é pouco frecuentada, mesmo polos autóctonos.

Os 11km circulares de ruta non son moi complicados pero en bicicleta haberá momentos nos que alguén necesitará apoiar o pé. Mide as túas forzas, estás ante un traxecto curto e de só 320 metros de desnivel acumulado pero que en momentos puntuais resultarache sen dúbida esixente. Agárrate que veñen curvas!

EN MARCHA

Iniciamos a ruta no Cruceiro do Hío, onde seguramente te demores máis do previsto para contemplar a obra, visitar a Igrexa románica, gozar das espléndidas vistas sobre a Ría de Aldán desde o atrio ou visitar a oficina de Turismo. Atoparás un aparcadoiro para deixar o teu coche xusto á beira do Cruceiro e fronte ao Bar Stop.

Mountain Bike nas Rías Baixas

Hai moitas formas de gozar o horizonte dende O Facho, e aínda que unha magnífica é á tardiña, para ver a posta de sol, nós eliximos madrugar pola mañá para evitar así a calor e para ter marxe suficiente para parar canto queiramos para tomar fotos -como sabedes que nos gusta facer- , penetrarnos nos carreiros, descansar, (e ata perdernos) coa tranquilidade de ter todo o día por diante.

VEÑA ESAS PERNAS!

Dende o inicio do percorrido enfrontaraste a costas, ao principio entre as casas, estarán asfaltadas, logo cambiarán a empedradas e rodeadas de espesos bosques. A travesía regalarache vistas cada vez máis impresionantes e chegará un momento, no que as Illas Cíes monopolizarán o horizonte; cando o fagan, saberás que O Facho está preto.

En pouco máis dunha hora e media en bicicleta comezarás o último ascenso polo carreiro escarpado que chega a O Facho. E no destino, a túa recompensa: terás aos teus pés Donón, Cabo Home, a Ría de Vigo coas Illas Cíes case ao alcance da man e algo máis lonxe a Illa de Ons na boca da Ría de Pontevedra. Disfrútao, fotográfao e compárteo!

O Facho en Cabo Home

RECOBRANDO FORZAS...

Cando non levamos a nosa comida (asegúrate de non deixar nada de lixo) ao regreso gústanos parar no Bar/Restaurante "Cabo Home". Os bocadillos que fan son moi abundantes, o difícil é elixir entre tanta variedade: tortilla, serrano con tomate, lombo con queixo... todos deliciosos!

Despois da sobremesa, segundo esteas de forzas e de tempo, poderás enlazar con outras rutas ou parar nalgunha das praias próximas (como a de Melide, Viñó, Barra ou Nerga, sobre as que te falamos noutras actividades). Ten en conta que necesitarás aínda un intre para volver ao punto de saída, no Cruceiro de O Hío, ou no noso caso xustamente á beira, á nosa Casa do Lagar, onde sempre serás ben recibido. :)

Monte do Facho

Created with flickr badge.

ACCESOS DIRECTOS

Sobre Lares

Somos dúas empresas que camiñamos xuntas dende 2009. Viñamos de moitos anos alugando os nosos inmobles, o que nos levou a ser tamén xestores inmobiliarios de venda e aluguer.

Pero fíxémolo ao noso xeito, rachamos tódolos convencionalismos e iso gustouvos, e así, xuntos, chegamos ata hoxe.

Formas parte dela, coñece a nosa historia!